jueves 3 de marzo de 2011

Saudando ao Entroido

Aínda non chegaron os días grandes de Entroido e as Pantallas, eses demos limiáns, vixiantes e amoladores dos paseantes sen disfraz, elegantes coas súas brancas camisas e calzóns, cos seus relucintes zapatos, coa súa vermella faixa e engalanadas coas súas coloridas capas, tomarón as rúas de Xinzo, anunciando a chegada do Entroido, ao son das súas vexigas e dos seus axóuxeres e campás.

Ao tempo en Verín os Cigarróns garbosos coas súas puntillas seguindo o tintinear das súas chocas tampouco puideron esperar, decidiron saúdar aos seus veciños, aos que ataviados co seu vergallo amonestaron un ano máis, avisándolles que tomarán o poder da vila nos próximos días.

Tampouco as Madamás e os Galáns de Cobres, elegante e minuciosamente ataviados se resistiron a sair as rúas das parroquias de Vilaboa, rendendo culto á beleza e facendo da danza un arte cheo de música e cor.

E en breve os Peliqueiros tomarán as rúas de Laza, os Felos as de Maceda, os Boteiros as de Vilariño de Conso, os Xenerais as de Boqueixón… e as ancestrais tradicións do Entroido Galego estarán presentes nas rúas celebrando o fin dos longos e duros días de inverno, mentres enchemos as nosas mesas de cachuchas e lacóns, de grelos e patacas, de orellas e filloas antes de chegar ao período de abstinencia carnal que suporá a coresma a partir do mércores de cinsa.

En poucos días, a festa pagana que é o Entroido chegará a tódalas vilas de Galicia; anuncianse días de festa na que se poden romper tódalas normas, días nos que os galegos convertiremos o Entroido na festa máis irreverente do noso calendario, días nos que mudaremos o noso rostro e trocaremos a nosa rutina por unha irónica función da que todos participaremos con humor, enxeño e cor, no que cada acontecemento sirve para poñer do revés a monotonía da nosa vida cotiá.

Todas estas tradiccións e manifestacións culturais son merecedoras dunha sede digna, na que ser recollidas e compartidas para que sexa accesible para todos os galegos, é por esto que os Amig@s do Museo Galego do Entroido lle esiximos ás Administracións a implicación necesaría para potenciar e concluir un fermoso e ambicioso proxecto que os poderes públicos decidiron deixar horfo.

(texto de Tino Pozo Rodríguez)